14 ago 2017

Cumprimos dez anos e para celebralo agasallámosvos/agasallámonos con “Traboute”, unha escolma de catro novas (ou non tan novas) cancións en forma de EP.
Que o desfrutedes/desfrutemos.
Saúde!

Ramón Sánchez (24/07/2017)

16 feb 2016

Flúe

Flúe.
Revólvese.
Esnaquízase e recomponse.
Nunca se rende. Nunca se axeonlla. Nunca.
Cada vez máis sabio, máis forte e con menos remorsos.
Sempre o di: o valor é de balde; anicarse, de covardes.
E falar verdades non custa nada pero sae caro.
Pequeno prezo para a liberdade cuspir fóra dun
o veleno que o consome por dentro, lento.
Págase de vez.
Deixa que flúa.
Flúe.­


"Flúe" é unha vella historia que se repite.
A necesidade intrínseca de ceiba-lo lume que inunda o peito e que chama por saír.
Historias de meu, levedadas á calor do inverno en barricas cheas de rebuldeira paciencia, que podedes hoxe adoptar como propias. Porque a música non lle pertence a quen a fai, senón a quen a escoita.
Sirva esta mostra de efémera e anecdótica valentía como un agasallo a todos cantos amosaron e seguen a amosar o seu interese, apoio e respecto por Traboute.
Vai por vostedes!


Ramón Sánchez (02/2016)